martes, 17 de mayo de 2011

Lois...

Cheguei a ti nunha conversa de amigos e decidín quedarme. Canda ti. En silencio. Un deses silencios case relixiosos que preceden á acción. Un deses silencios que prometen e cumpren. Sempre. É o que ten a literatura.

Quizáis foi a orixinalidade desa frase escrita nos altares da morte ou o alento escuro das maldicións que caen e xa non desaparecen. Quizáis foi a necesidade explicitada na lingua. Quizáis foron os ventos de cambio que sopran dous meses antes da catarse. Quizáis foi a tolemia colectiva. Quizáis...

Sumerxinme en ti. Fun en ti. Fun de auga, de negación, de morte. Fun de branco sangue masculino escorregando nos beizos da terra. Fun de enfermidade e desvelo. Fun de ausencia. Fun de desexos e de aniquilacións. Fun de narcisos opostos. Fun de prohibicións e de ansias. Pero, por enriba de todo, fun de loita. Fun unha burla sen cuartel, soldado de guerras perdidas, contra o tempo e a fin, sen desprezos nin concesións.

Toquei o que puido ser o último dos teus fíos, devorado de sangues. E ameite, Lois, ameite no comezo de cada páxina quebrada antes de escribirse, ameite en cada verso que se cravaba con cravos amarelos na miña carne, ameite en cada referencia coñecida e por coñecer, ameite en cada bágoa perdida por unha morte que non debeu ser. Poeta maldito e malditista, canto de ti dixeron! Poeta de Monforte, poeta con sangue nas verbas e nas veas. Poeta...!

Que os artistas non morren nunca. Caen á ánima coma o Libera me, Domine dunha antiga ceremonia. Caen e continúan a caer. Dante e os infernos. E un bico nos peitos de gris. Saliva nuclear, química disonante. Lois, Lois. Deixa que te busque nos recunchos últimos do vento.

Lois...

Notas finais: Felices Letras 2011.

1 comentario:

  1. Muchas gracias por tu visita + comentario :)
    Por cierto, me alegró saber de ti el otro día, fue una coincidencia chachi, y eso que de esas no hay muchas.
    Y bueno, no mucho más que contar desde este lado de la pantalla. Que gracias por pasarte y eso. Ah, y me mola tu entrada, parece que no soy el único joven que recuerda que el gallego es tan maravilloso como cualquier otro idioma. ^^
    ¡Un beso!

    ResponderEliminar